ArtglOH! – Proposta alternativa

ArtglOH! – Proposta alternativa

Escrito por Gloria Montenegro el 25 febrero, 2015

Gloria Montenegro

56 publicaciones

Fáilte outra semana máis a ArtglOH!

No capítulo de hoxe, queridos lectores, concedereime a min mesma o privilexio de utilizar este espazo en Harwin para defender o propio, o autóctono.

Hai uns cantos meses, sobre todo no ámbito galego, correu a nova de que certo “cantante español” (que non galego) ía gravar o seu novo videoclip nas nosas terras galegas. Alén da alegría que isto supuña para os/as seus/súas fans, trouxo indignación e escándalo sobre aqueles que non o eran tanto. Cal foi o motivo? Anunciouse que a Xunta de Galicia ia subvencionar a empresa deste señor con máis de 300.000 euros (exactamente 302.500 euros) pola gravación deste videoclip. A desculpa que se puxo para este “investimento” é que o turismo en Galicia vai aumentar e o beneficio económico contarase por máis dun millón de euros.

Cal foi o resultado?  45 segundos de imaxes exteriores de Galicia dun videoclip que dura 4 minutos e medio.Máis aló destas escasas imaxes, tamén valla dicir que escasa é a calidade e moralidade do vídeo.  Este mostra a un grupo de rapazas, fundamentalmente , “pasándoo ben” no que semella ser o templo de Carboeiro (Silleda, Pontevedra)  e poderíase dicir que iso é practicamente a esencia do vídeo se quitamos as imaxes do “cantante”.

Como proposición alternativa a isto, no capítulo de hoxe, tráiovos algo especial. Unha proposta feita en e dende Galicia.

O.M.E.Ga.

Que queren dicir estas siglas? Vos preguntaredes. Fernando Abreu Fernández, clarinetista galego dende hai máis de cuarto de século e membro fundador deste proxecto, responderá a estas e outras preguntas hoxe.

Adiante- dime el.

Que é O.M.E.Ga.?

Pois O.M.E.GA. é a Orquestra de Música Espontánea de Galicia. A resposta é breve pero ao mesmo tempo clara xa que é in mais nin menos que iso: un agrupamento de músicos de diversa procedencia que se xuntan para crear música no momento sen preparación previa, nin partituras, nin composicións elaboradas previamente.

Tras algunha dúbida, Fernando Abreu  confírmame que o proxecto nace en 2007. Sorprendido por como pasa o tempo, segue respondendo as miñas preguntas: e como decide un grupo máis ou menos numeroso de músicos poñerse de acordo para comezar cunha orquestra de música espontánea?

Pois xorde da idea de facer unha xuntanza dos músicos que nos adicábamos á improvisación libre de xeito individual ou en pequenos grupos en Galicia para probar a experiencia orquestral baixo dirección que tanto Pablo Rega (en Barcelona) coma Chefa Alonso (en Madrid e en Londres) practicaban e querían experimentar aquí.

Hai un momento díxome que non ensaiabades nin utilizades partituras, pero existen vídeos nos que se vos ve ensaiando con Pablo Rega e algúns músicos, nun concerto,tocando con partituras.

Os ensaios non serán entendidos como preparación dun concerto e dun repertorio senón coma a práctica dunha serie de xestos de dirección e escoita do grupo. Mais que ensaios eran xuntanzas para tocar xuntos e experimentar. De feito os ensaios gravábanse sempre porque o momento da creación é irrepetible e nunca sabes cando vai saír algo digno de lembrar. E ademais, un dos mellores xeitos de mellorar é a autoescoita e a autocrítica que practicábamos de cotío.

Hai un concerto no Festival Imaxinasons onde tivemos a sorte de ser dirixidos por un dos músicos mais importantes da improvisación libre que é Fred Frith e nunha da súas pezas deunos unha partitura a algúns dos músicos pero tiñamos a liberdade de interprétala como quixeramos ou facer con ela o que nos viñera en gana

Dependendo dos concertos era un ou varios directores. Había preparación con todos os directores antes do concerto? Como músico, qué diferenzas atopaba entre un e outro?

Ao comezo fomos dirixidos por Pablo Rega e Chefa Alonso porque eles tiñan a práctica de facelo pero pouco a pouco todo aquel que quixo tivo oportunidade de dirixir.

A experiencia da dirección é moi enriquecedora porque ti tes unha idea na cabeza pero tes que ir transformándoa ao momento segundo a resposta dos músicos (uns máis disciplinados que outros)

E dende o punto de vista do intérprete, cada director ten un universo sonoro diferente que tenta plasmar na peza que dirixe.

Eu penso que a personalidade do director é mais doada de descubrir neste tipo de agrupamentos que nunha orquestra convencional.

Comentoume que vostede mesmo foi director nalgunha ocasión, que se sinte nese momento? Que é o que lle pasa pola cabeza?

As sensacións son varias. Chegas a posto do director cunha idea de por onde queres levar a peza pero ao mesmo tempo non sabes si os músicos van seguir o que ti buscas e non podes loitar contra eles, debes tratar de ir modelando o que os músicos che ofrecen e ser o máis claro posible nos xestos de condución. No meu caso persoal sinto un pouco de vertixe especialmente naqueles momentos que pensas que a emoción decae aínda que logo falas con músicos e público e teñen unha visión diferente. Supoño que é algo similar a quen pinta un cadro en directo ou improvisa textos, non existe o erro, tes que transformar aquilo que non ten convence en algo que provoca a emoción do ouvinte.

Que diferenzas (máis aló das obvias) diría que ten este tipo de orquestras de música espontánea cunha orquestra “convencional” ?

A espontaneidade. A posibilidade de ser sorprendidos é moito maior xa que non sabes por onde vai ir o concerto. Podes coñecer a personalidade individual de cada un dos músicos e o director pero non o resultado da mestura e sobre todo a adaptación ao momento e ao estado anímico. Nunha orquestra convencional estas posibilidades son mínimas e máis co encorsetamento que ten a mal chamada “música culta”.

E xa para ir rematando a entrevista, que lle diría á xente para que se animara a ver este tipo de concertos ou para ouvir este tipo de música?

Que se deixe sorprender. O único que se precisa é ter as orellas abertas a calquera cousa. A actitude do ouvinte sen prexuízos é fundamental. Logo haberá momentos máis bonitos, máis desgarradores, aburridos tamén que non sempre soa todo ben, pero sen disposición para a sorpresa non hai moito que facer por parte do músico. Isto tamén é aplicable a calquera tipo de música e a experiencia tenme demostrado que quen quere disfruta e coñece un novo universo sonoro.

Moitas grazas, Fernando Abreu por adicarme parte do seu tempo. Espero que volvamos falar nalgunha outra ocasión sobre outros proxectos.

 

Acabádelo de ler, queridos lectores, existen propostas culturais alternativas ás que vos mencionei ó comezo do artigo. Pero se non sodes de música espontánea tamén hai outros músicos e tipos de música galega que mereza a pena mencionar: Crebinsky,  Milladoiro, Dios ke te crew (DKTC), Os Cempés, Luar na Lubre, 2uS, Igloo…  Milleiros de exemplos que vos podería dar que, na miña modesta opinión, saberían representar mellor Galicia se a Xunta se interesara como se interesou por ese “cantante”.

Pero todo isto é a miña modesta opinión. Cada un é libre de escoller, gustar e pensar o que queira xa que vivimos nunha nación democrática e plural en todos os sentidos.

E como o idioma tamén é máis que un en España, aquí vos deixo este artigo traducido ó castelán para que non vos perdades nas miñas palabras.

Remato aquí a miña proposta cultural galega alternativa. Para a semana que ven os traerei un anuncio,cal? Moi pronto o saberedes.

Agárdovos a semana que vén aquí, en ArtglOH!

Go dtí an tseachtain seo chugainn

 

 

 

Publicaciones relacionadas

Gloria Montenegro

56 publicaciones

La cultura, si no la defendemos nosotros, no se defiende por sí sola. "Una lengua es más que una obra de arte; es matriz inagotable de obras de arte" Castelao

Comparte esta publicación en

Comentarios

1 Comment en "ArtglOH! – Proposta alternativa"

Recibir notificaciones de
avatar

Ordenar por:   Recientes | Más antiguos | Más votados
Gloria Montenegro en Facebook
Invitado
2 years 10 months ago

Para aquellos que no entendáis gallego, encontraréis al final de este artículo el texto completamente traducido al castellano 🙂

wpDiscuz